martes, 25 de mayo de 2021

25 DE MAIO, DÍA DE ELMER!



Autor: David McKee      Editado en galego pola Editorial Kalandraka

SOBRE O CONTO: O conto de hoxe non podía ser outro! A historia de Elmer, o elefante de cores, é un clásico da literatura infantil, un conto que promove a solidariedade, o respecto, a aceptación e a amizade. As ilustracións, realizadas polo seu autor David McKee están inspiradas pola obra do pintor Paul Klee. 

AS PROPOSTAS DE URSO:

Caderno de traballo. En internet pódense atopar moitísimas actividades para traballar o conto (manualidades, actividades imprimibles, coloreables, actividades interactivas…). Inspiradas en todas estas actividades realizamos un pequeno caderno sobre Elmer do que podedes sacar moitas ideas e adapatalas, agardamos que vos gusten!.


OUTRAS PROPOSTAS:
Club de peques lectores: TEATRO DE SOMBRAS DE ELMER con imprimibles para poder facelo de maneira moi sinxela. Ademais neste mesmo enlace podedes atopar imprimibles para facer teatro de sombras de outros contos como o de La pequeña oruga glotona.


El mundo de Rukkia: Unha vez máis acudimos ao mundo de Rukkia, neste caso propón actividades como: unir as parellas de iguais, buscar diferencias, xogos de memoria, de sobras, crebacabezas…

viernes, 30 de abril de 2021

PÁJARO AMARILLO

 

Autora: Olga de Dios    Editorial: Apila

SOBRE O CONTO: O protagonista deste conto é un pequeno páxaro amarelo que se distingue de todos os seus amigos que poden voar por unha gran capacidade: a de crear inventos. A diversidade é un dos temas que se abordan a través deste conto. Pájaro Amarillo comparte cos seus amigos e amigas todas as súas creacións e desfruta con eles e elas, ata que queda só, xa que todos os paxaros emprenden viaxes a outros lugares do mundo. Ao recibir postais deles, séntese moi triste e expresa a súa tristeza debido a frustración de non poder voar, de non poder vivir a vida tal e como poden as súas amigas e amigos. Que fará para solucionar iso? Descúbreo no conto.

AS PROPOSTAS DE URSO:

Caderno de investigación. Deixámosvos un pequeno proxecto de investigación das aves que saen no conto. Con todas elas podedes facer un caderno de investigación. Xa sabedes que o que vos deixamos no blog son ideas para facer, non tedes porque facelo todo. Premendo na imaxe podedes ver e descargar o PDF.


Viaxar coas aves: Para traballar con este libro elaboramos unas tarxetas sobre aves e continentes, posto que ó inicio e final do conto aparece o planisferio. 




Isto daranos moito xogo, xa que ademais de aprender os nomes das diferentes aves, van poder relacionalas co continente ao que pertencen e así aprender tamen os continentes dunha forma manipulativa


Pinchando na imaxe podedes entrar no PDF no que tedes as tarxetas das aves e dos continentes, así como dos nomes de todas elas. Podedes imprimilos e recortalos para poder xogar con eles ou ben debuxalos. Como vos prefirades.


Nestas imaxes, sacadas de https://elauladejanire.wordpress.com/2015/11/02/cuento-sobre-compartir-y-colaborar-pajaro-amarillo/ podedes ver como empregar ese material.



Un paxaro inventor: Imos facer un pouco de ciencia! Este é un experimento moi sinxelo no que só necesitades un vaso, papel e auga. Mirade o vídeo e a probar vós. Fixádevos na man que ten o parafuso.


OUTRAS PROPOSTAS:
Algunhas manualidades: Sabedes que a Paxaro Amarelo lle encanta crear cousas, pois nós imos propoñervos facer un paxariño moi moi divertido e colorido, só necesitades un anaco de catón, nel debuxade o paxariño e pintádeo ou decorádeo como vos guste, podedes empregar todo o que queirades. Estamos desexando ver que paxariños tan fermosos creades. Na seguinte imaxe deixámosvos un exemplo por se non se vos ocorre nada...

Imaxes sacadas de Pinterest


E para rematar unha rima con movemento de Tamara Chubarovsky, EL POLLITO.


domingo, 18 de abril de 2021

DE QUE COR É UN BICO

 

Autora: Rocío Bonilla         Editorial: Algar

SOBRE O CONTO: Este conto trata dunha nena chamada MINIMONI, a ela encántalle pintar mil cousas de cores: xoaniñas vermellas, ceos azuis, plátanos amarelos...pero nunca pintou un bico. De que cor será? Vermello como unha deliciosa salsa de tomate? Non, porque tamén é a cor do enfado...Será verde como os crocodilos, que sempre lle pareceron tan simpáticos? Imposible, porque é a cor das verduras, e non lle gusta comelas! Como podería pescudar de que cor é un bico?

AS PROPOSTAS DE URSO:

Caderno de actividades. Premede na imaxe para descargar o novo caderno de actividades. Agardamos que vos guste!



OUTRAS PROPOSTAS:
Xogamos coas cores: A continuación, deixámosvos unhas imaxes de propostas para traballar as cores, clasificándoas, seguindo un patrón... Son moi fáciles de facer! Serve calquera obxecto que teñamos pola casa. 



Imaxes extraídas de Pinterest.

Segue o camiño: Hoxe tamén vos deixamos un exemplo dun xogo de orientación espacial con cores. Deixámosvos unhas plantillas descargables en PDF pero podedes adaptalo como vos queirades. Pinchando na imaxe podedes ver o vídeo.

Actividades de Educación Infantil
E xa para rematar deixámosvos a canción “Bicos polo aire” de Fíos do querer.

miércoles, 7 de abril de 2021

NADARÍN


Autor: Leo Lionni            Editorial: Kalandraka

SOBRE O CONTO: Este é un conto que nos invita á reflexión sobre moitos valores distintos: o valor da diferenza e o respecto por todos, a superación dos medos e das adversidades e o valor do traballo en equipo, porque "a unión fai a forza" e o peixe pequeno non sempre ten que perder fronte ao grande.

AS PROPOSTAS DE URSO:

Caderno de actividades. Premede na imaxe para descargar o novo caderno de actividades. Agardamos que vos guste!


A pintar! Outra proposta que vos deixamos é facer un mural/cadro coas imaxes do conto. Para eso, primeiro tedes que facer o fondo mariño con acuarelas ou témperas e despois  podedes comenzar a estampar peixes sobre o fondo. Póñemosvos algunhas ideas de como podedes facer para estampar os peixes.


OUTRAS PROPOSTAS:
MOONIMA. Peixes de fieltro ou goma eva. Empregando a plantilla que nos achega MOONIA, debuxamos peixes, no material escollido, vermellos e negros. Despois, recortamos e pegamos ollos móviles aos peixes, un ollo a cada lado, como vedes na imaxe.
Pinchando na imaxe podedes descargar o PDF para imprimir a plantilla do peixe e as tarxetas para a actividade de dereita- esquerda que explicamos a continuación.


Estes peixiños imos necesitalos para facer a seguinte actividade. 


Facemos un acuario. Deixámosvos varias propostas para que escollades a que máis vos guste, e botádelle imaxinación e sorprendédenos co voso acuario.


E rematamos cun pouquiño de música, con unha canción de Magín Blanco titulada 
"Peixiños do mar".


Canción sacada da canle de youtube "A Mesa pola Normalización Lingüística"

domingo, 21 de marzo de 2021

DESAYUNO DE PRIMAVERA

Hoxe comeza a primavera e queremos celebralo compartindo este conto tan especial para nós. Agardamos que vos guste!


Autora: Pilar Redondo Benítez        Ilustradora: Joana Bruna         Editorial: Amigos de papel

SOBRE O CONTO: Chega a primavera e todos os animais espertan do seu sono invernal e o bosque énchese de vida. Zorro atopa unha cesta abandonada cun rico biscoito dentro. Ten moitas gañas de comer un anaco, pero antes decide buscar ao seu dono e así pedirlle se o poden compartir. Na súa búsqueda crúzase con varios animais que se van sumando ao seu obxectivo. Finalmente, atoparán á dona do biscoito e descubrirán que o seu obxectivo era xustamente o de organizar unha festa de benvida para compartir ese rico biscoito.

AS PROPOSTAS DE URSO:

Caderno de actividades. Premede na imaxe para descargar o novo caderno de actividades. Nel podedes atopar actividades de comprensión, lóxica, lectura e escritura e incluso arte. Pasádeo moi ben!

E agora tamén podedes descargar o caderno en castelán. Premede na seguinte imaxe!

OUTRAS PROPOSTAS:
Biscoito de mazá: Igual que os animaliños do bosque se vos animades podedes facer este rico biscoito para celebrar a chegada da primavera. Aquí vos queda a receita. Podedes vela pinchando na imaxe.
Memori cos personaxes do conto: Podedes imprimir o pdf e recortar os debuxos para facer un memory, e pasar un ratiño divertido. Facede clic na imaxe para acceder.


Debuxos para colorear: Neste enlace podedes colorear os personaxes que aparecen no conto e utilizalos para facer un teatriño. Facede clic na imaxe para acceder.




Experimento primavera de "Menuda ciencia": Plantar unha faba, lentella, ou calquera outra semente nun recipiente transparente e ver o que ocorre. Se pinchades na imaxe podedes ver paso a paso como tedes que facer. 

Videoconto de "Cuentos en la nube". No seguinte vídeo podedes escoitar o conto ó tempo que vedes as súas ilustracións. 


E para rematar esta entrada deixamos unha canción sobre a primavera, do álbum “Coas miñas mans” de Pablo Díaz.

domingo, 14 de marzo de 2021

CHIBOS CHIBÓNS

 

Autora: Olalla González    Ilustrador: Federico Fernández    Editorial Kalandraka

SOBRE O CONTO: Trátase  dunha adaptación dun conto popular. Nel relátase o que lles sucedeu a tres chibos, un grande, outro mediano e outro pequeno, que un día quixeron cruzar a ponte para comer herba, e deron cun ogro. Os tres chibos trazarán un plan para enganalo, demostrando que máis vale utilizar a maña e a astucia que o enfrontamento físico.

AS PROPOSTAS DE URSO:

Caderno de actividades. Para aprender e xogar con este conto propoñémosvos un caderno de actividades de elaboración propia. Nel podedes atopar crebacabezas, un labirinto, diferenzas, series... Escollede as que máis vos gusten! Premede na imaxe para descargalo en PDF.


Grande, mediano e pequeno! Podedes ordenar a modo de serie ou agrupar calquera obxecto que teñades pola casa en función do seu tamaño. As series podédelas completar, quitar un elemento e descubrir cal falta, quitar dous elementos... Hai moitas posibilidades! Nesta foto mostrámosvos unha proposta con calzado pero calquera cousa serve! Esperamos que o pasedes moi ben!


Patín, patín, patín! Premendo na seguinte ligazón podedes escoitar unha canción composta e cantada por David Vega sobre este conto. Seguro que vos encantará!


A letra é moi sinxeliña e seguro que algúns xa a coñecedes. Animádesvos a cantala e a facer o acompañamento do ritmo con percusión corporal? Aquí vai a nosa proposta!

OUTRAS PROPOSTAS:

E para rematar, un videoconto extraído da canle de youtube “Taxi Roberto Burela”. Agardamos que vos guste!

domingo, 7 de marzo de 2021

A EIRUGUIÑA COMELLONA

Autor: Eric Carle Editorial: Kókinos

SOBRE O CONTO: Trátase dun pequeno contiño co que se poden traballar moitos recursos educativos: as cores, os días da semana, os números ata 5, os diferentes tipos de alimentos e a alimentación saudable, o paso do tempo, a evolución da eiruga ata converterse en bolboreta… Ademais conta cunhas ilustracións cheas de cor e se pode adquirir en diferentes edicións: con buratiños, pop-up, conto de tela…

AS PROPOSTAS DE URSO:

Caderno de actividades:
Aquí vos deixamos as propostas para traballar o conto. Coma sempre, un pequeno caderno de actividades. Premede na imaxe para descargalo.


OUTRAS PROPOSTAS:

Hai tantísimos recursos dispoñibles nas redes para traballar este conto que é case imposible escoller só unha ou dúas actividades, así que… aquí tedes varias propostas con enlaces ás webs para que escollades! Premede nas imaxes para ver toda a información, agardamos que o pasedes xenial.
PEQUETABLET: APPS e outras actividades para nenas e nenos sobre a eiruguiña comellona.


EL MUNDO DE RUKKIA: Recursos imprimibles para colorear, atopar diferencias, contar e escribir números… tamén hai fichas animadas, xogos…

CUENTOS PARA CRECER: Con actividades para traballar a motricidade fina e xogos sinxeliños.


THE BIG BAG TEACHER: Diversas propostas para traballar as intelixencias múltiples a través do conto. Ao pinchar na imaxe accederedes ao PDF do proxecto.

E para rematar, compartímosvos dúas versións contadas deste clásico da literatura infantil, un extraído da canle de youtube “Aula de Elena” e outro no que o propio autor nos le a versión en inglés do conto.